Retos para a economía galega e papel da industria

  • María do Carme García-Negro Universidade de Santiago de Compostela

Resumen

Gostaríame comezar cun ton sobrio a respeito da posibilidade persoal de me introducir no campo da prospectiva. Non serei quen de pensar na posibilidade de realizar tal labor. 

E conste que o intentei e tamén intentei asesorarme. Para me dotar dunha metodoloxía adecuada acudín a dúas fontes que máis que de economía me situaron no campo da erudición filosófico-especulativa (esta última palabra entendida en todas as súas acepcións): unha, na obra de Taleb (Nassim Nicholas); El Cisne Negro foi quen de me conducir pola senda buscada: é imposíbel facer prospectiva ou coñecer o impacto do altamente improbábel, como reza no subtítulo da citada aportación. E outro autor inspirador (agora cadra o de especular) é o sr. Soros (George) que foi aplicándose, nos últimos anos, a teorizar ex-post como se producen as crises financeiras e o proveito que se pode tirar de contribuír á súa provocación.

Non obstante, hai unha aportación interesante nos escritos formais do sr. Soros; referímonos ao conceito de reflexividade: a influencia das percepcións das persoas sobre a realidade conleva influír na situación, sexan ou non científicas, verdadeiras ou sequer reais. De feito, a natureza das ideoloxías (falsas ou verdadeiras no sentido precientífico) poden transformar a realidade como resultado das eleicións de acción escollidas. Nega a idea neoclásica do coñecemento perfeito, a ausencia de incertidume por coñecemento completo e a tendencia ao equilibrio dos mercados.

Publicado
2023-01-25